sábado, 19 de enero de 2013

PROPOSTAS DE ACTIVIDADES


A idea é que a partir dos libros que aquí están expostos, os docentes atopemos diferentes maneiras de poñer en práctica a dramatización na escola. isto non quere dicir que o obxectivo a priori sexa facer representacións contando con pouco tempo e escasos recursos, senón máis ben todo o contrario; trataríase de traballar as bases para que os nenos tomen conciencia do que significa actuar e aprendan técnicas que lles axuden a seren os verdadeiros protagonistas do espectáculo creativo.
Con esto estamos referíndonos aos obradoiros e exercicios de autoexpresión, de técnicas vocais, de improvisación, e tamén de deseño de decorados, de accesorios, de monicreques ou máscaras, de vestiario etc.
A posta en escena dun espectáculo sería a fase terminal do proxecto , que se pode entender a longo prazo , dependendo das características e necesidades de cada caso.
Tendo isto en conta, algunhas actividades poderían ser:
 
                Na área das Linguas
·         Traballar a expresión oral , a entoación e os xestos a través de contar contos ou historias para outros nenos na biblioteca.
·         Traballar a improvisación e a creatividade dando forma a historias a partir dun tema elixido.
·         Coñecer a fondo a estrutura das obras teatrais facendo lecturas en grupo.
·         Crear diálogos entre varios personaxes nunha situación determinada.
·         Afondar na corrección dos textos escritos facendo traduccións ao galego dalgunha peza que nos poida interesar traballar.
·         Facer reseñas de obras  que interesen , falando da trama,os personaxes e a idade a que van dirixidas, para formar  así unha especie de catálogo por idades.

Na área de Plástica

·         Facer obradoiros de creación de máscaras.
·         Facer obradoiros de creación de monicreques.
·         idear e montar decorados para unha posta en escena.
·         Confeccionar carteis para anunciar unha representación.
·         Deseñar o vestiario para un personaxe concreto.
 
Na área de Música

·         Facer exercicios de expresión corporal con diferentes ritmos.
·         Improvisar movementos para evocar diferentes situacións.
·         Facer exercicios de imitación de animais e personaxes coñecidos.
·         Elixir temas musicais que evoquen diferentes sentimentos como fondo para unha representación.
·         Practicar algunha peza para formar parte dunha posta en escena.

Na área de Educación Física

·         Facer exercicios de dinámica de grupos que favorezan o coñecemento  entre si de cada un dos membros.

De seguro que sairán moitas máis logo de achegarnos un pouco ao mundo da  dramatización.
Calquera destas actividades podería ser levada a cabo para un público, sexan nenos do centro, pais, ou toda a comunidade educativa a través de exposición de traballos sen ter que esperar necesariamente a ter unha obra preparada para levar a escena.
Como conclusión, dicir que a exposición  pretende ser unha primeira aproximación ao traballo teatral na escola, que tería como finalidade a medio prazo, buscar un espazo e un tempo na actividade escolar para consolidar un proxecto teatral , no que ,dende o comezo de cada curso, se decida o que se vai traballar ao longo do mesmo.

 

 

RELACIÓN DE LIBROS E PUBLICACIÓNS



Esta relación constitúe unha pequena parte do que é o Fondo Teatral María Casares, que está situado na Biblioteca Pública de Cangas. Os títulos foron seleccionados en función do interese para a comunidade escolar. Abarca o tramo de idades correspondentes a infantil, Primaria e Secundaria.

 
                           TEXTOS EN GALEGO


 
                          TEXTOS EN CASTELÁN


 
                        REVISTAS, CADERNOS E DIDÁCTICOS




 .

jueves, 17 de enero de 2013

PRESENTACIÓN

QUE SUBA O PANO! é o nome dun proxecto que xorde dende o Equipo de Dinamización Lingüística do CEIP  Plurilingüe  A Pedra de Bueu; en colaboracíón cos equipos de Biblioteca e Tics.
Consiste en montar unha pequena exposición de libros de teatro infantil e xuvenil procedentes do Fondo Teatral María Casares (Biblioteca Pública de Cangas).Para logralo contamos coa axuda imprescindible do seu precursor, o director teatral e da Revista Galega de Teatro , Antón Lamapereira.
A idea nace como resposta a varias realidades que observamos na vida escolar:
  • A necesidade de mellorar a expresión oral dos nosos alumnos/as, especialmente en lingua galega.
  • O gran descoñecemento dos recursos en materia de teatro escolar que temos ao noso alcance.
  • A riqueza que supón poder traballar a dramatización nas aulas como fonte de creatividade, socialización e mellora da autoestima.
Ésta pretende ser unha exposición itinerante, que poida estar a disposición dos centros que se animen a coñecela e aproveitala, pois está pensada para sacarlle partido a través  dunha serie de actividades propostas.
Este blog quere ser un espazo donde se recollan as experiencias  que vaian saíndo desta iniciativa.